Sunday 19 de May de 2024

A música de cine protagonizará este domingo 9 de setembro a tradicional homenaxe a Prudencio Romo do Concello de Lousame


O campo da festa de San Roquiño, na parroquia de Tállara (Lousame), acollerá este domingo 9 de setembro, ás 21.00 horas, a tradicional homenaxe a Prudencio Romo que organizan o Concello de Lousame e a Banda de Música de Lousame. Un evento que, en caso de choiva, trasladaríase ao polideportivo municipal da Silva.

O concerto homenaxe contará coa actuación de tres bandas: a Banda de Música de Lousame, dirixida por Fernando Froján Canle; a Banda de Música Municipal de Boiro, dirixida por Martín Baleirón Frieiro; e a Banda de Música de Catoira, dirixida por Carlos Figueira Abuín. “Nesta ocasión contaremos coa participación de tres bandas coas que tocaremos ao mesmo tempo bandas sonoras de películas coñecidas por todos”, explica Fernando Froján.

No campo da festa de San Roquiño haberá instalada tamén unha gran pantalla, sobre a que se proxectarán imaxes das películas cuxas bandas sonoras se estean a interpretar neses momentos. A asistencia é totalmente libre e de balde.